venres, 17 de xaneiro de 2014

Sencarie: programa de saúde bucodental


A saúde dos nenos está nas nosas mans. É moi importante que lles axudemos a ter hábitos de hixiene correctos, e o costume de lavalos dentes é un dos máis importantes, e temos que mantelo toda a vida se non queremos logo ter problemas coa boca.

A Xunta de Galicia colabora cos centros educativos no seu labor de promoción da saúde bucodental mediante o programa Sencarie,  que podemos coñecer na web sencarie.xunta.es

Neste plan de promoción dos hábitos de hixiene bucodental nos nenos, presentannos a cinco personaxes principais: a nena Sencarie e os seus amigos o heroe Fluoriño e o seu compañeiro CepilliñoMoapicada e o malvado Cariesón.  

Nas distintas seccións da páxina web sencarie.xunta.es, e coa axuda destas personaxes,  van explicando todo o que atañe ao tema da boca e os dentes:

- A boca e o seu coidado: guía completa que trata da morfoloxía da boca, tipos de dentición, composición dos dentes, problemas como carie e a súa prevención, correcta limpeza da boca, e a enfermidade periodontal.

- Orientación para as persoas titoras: guía con información segundo axeitada para a inclusión dos programas de hixiene bucodental na educación infantil e primaria, orientacións metodolóxicas,...

- Xogos: catro grupos de recursos en forma de xogos, segundo a idade, para menores de 6 anos, de 6 a 8 anos, de 8 a 10, e para maiores de 10 anos. Poden completar as distintas actividades seguindo as informacións dadas na guía ou xogar a manter a boca limpa, recoñecer alimentos carioxénicos, aprender os nomes das partes da boca e dentes, ...

- Fondos de pantalla e debuxos para colorear: podemos descargar varias imaxes en distintos tamaños para fondo de pantalla do monitor, ou imprimir uns debuxos das personaxes presentados nesta web para colorear.
E para rematar, unha canción en portugués que podemos traducir ao galego ao noso xeito e cantarlla aos nenos para animalos a lavalos dentes despois de cada comida, sobre todo pola noite antes de durmir. Cando lle collen o tranquillo, encántalles!!!
"Un vaso con auga, un cepillo e pasta,
para limpalos dentes é o que me basta.
Frego, frego, frego, frego fregadiño.
Os dentes lavados, que rico cheiriño"

Ningún comentario:

Publicar un comentario