xoves, 13 de febreiro de 2014

As letras do abecedario galego



Da web do CEIP de Frións temos unhas fichas para aprenderlle aos nenos o abecedario:

"Neste link podedes descargar un montón de fichas para axudar aos nenos a practicar lectoescritura, tanto en galego coma en español. As fichas están deseñadas para traballar no primeiro ciclo de primaria, aínda que o uso que se lles dea dependerá en última instancia do propio usuario. Este conxunto de fichas non pretende ser un método nin nada polo estilo, simplemente se trata dunha ampla gama de fichas de apoio/reforzo ao proceso de ensino-aprendizaxe da lectoescritura para que a persoa que ensina poida botar man de algo extra en caso de necesidade. Espero que vos sexan útiles.

Recordade que a orde de introdución das letras é: VOCALES-L-P-M-T-S-D-B-N-V-Ñ-LL-X-CQ-R-F-G-CZ-H-CH-J-K-Y-TRABADAS, salvo nas fichas en español, onde a "X" vai despois da " E " por motivos de vocabulario; polo que o grupo de fichas de calquera letra non contén ningunha das letras posteriores a ela. Entre paréntese e ao lado de cada letra aparece o n.º de fichas dispoñibles para esta.

Nota: Se elixides o formato PDF poderedes visualizar e imprimir as fichas co Acrobat Reader na súa versión 3.0 ou posteriores (neste caso as fichas non se poden modificar); se elixides o formato CDR poderedes abrilas e modificalas co "Corel Draw" a partir da súa versión 4.0, neste caso debedes instalar antes as fontes que se acompañan na carpeta "Font" incluída en cada un dos zips que se descargan."

venres, 17 de xaneiro de 2014

Sencarie: programa de saúde bucodental


A saúde dos nenos está nas nosas mans. É moi importante que lles axudemos a ter hábitos de hixiene correctos, e o costume de lavalos dentes é un dos máis importantes, e temos que mantelo toda a vida se non queremos logo ter problemas coa boca.

A Xunta de Galicia colabora cos centros educativos no seu labor de promoción da saúde bucodental mediante o programa Sencarie,  que podemos coñecer na web sencarie.xunta.es

Neste plan de promoción dos hábitos de hixiene bucodental nos nenos, presentannos a cinco personaxes principais: a nena Sencarie e os seus amigos o heroe Fluoriño e o seu compañeiro CepilliñoMoapicada e o malvado Cariesón.  

Nas distintas seccións da páxina web sencarie.xunta.es, e coa axuda destas personaxes,  van explicando todo o que atañe ao tema da boca e os dentes:

- A boca e o seu coidado: guía completa que trata da morfoloxía da boca, tipos de dentición, composición dos dentes, problemas como carie e a súa prevención, correcta limpeza da boca, e a enfermidade periodontal.

- Orientación para as persoas titoras: guía con información segundo axeitada para a inclusión dos programas de hixiene bucodental na educación infantil e primaria, orientacións metodolóxicas,...

- Xogos: catro grupos de recursos en forma de xogos, segundo a idade, para menores de 6 anos, de 6 a 8 anos, de 8 a 10, e para maiores de 10 anos. Poden completar as distintas actividades seguindo as informacións dadas na guía ou xogar a manter a boca limpa, recoñecer alimentos carioxénicos, aprender os nomes das partes da boca e dentes, ...

- Fondos de pantalla e debuxos para colorear: podemos descargar varias imaxes en distintos tamaños para fondo de pantalla do monitor, ou imprimir uns debuxos das personaxes presentados nesta web para colorear.
E para rematar, unha canción en portugués que podemos traducir ao galego ao noso xeito e cantarlla aos nenos para animalos a lavalos dentes despois de cada comida, sobre todo pola noite antes de durmir. Cando lle collen o tranquillo, encántalles!!!
"Un vaso con auga, un cepillo e pasta,
para limpalos dentes é o que me basta.
Frego, frego, frego, frego fregadiño.
Os dentes lavados, que rico cheiriño"

mércores, 8 de xaneiro de 2014

Xogos recitados: "Este queixo, quixolán"


Unha das formas de aprenderlle galego aos nenos é xogando con cancións, recitados, ditos e adiviñas. Foron unha forma de xogo moi extendida durante moitos anos, pero coma todos os xogos tradicionais estanse a perder. É moi bonito facerlle estes xogos aos pequenos, e ademáis poden facerse en calquera lugar nun momento de aburrimento (esperas nas tendas, no coche, bus,...).

Por iso damos gracias a Orella Pendella, que como di no seu blog http://www.orellapendella.org/ pretenden "difundir a literatura popular infantil de Galicia para que siga sendo unha ferramenta educativa e de lecer para os/as galegos/as do século XXI."

Ademáis de consultar diversos ditos, recitados e cancións por escrito, no seu blog tamén podemos escoitar algúns, ou enviar a versión que nos transmitiron a nós. Por exemplo, no caso do recitado "Este queixo, queixolán" existen moitas versións. Poñemos a que aportan no audio do blog: http://www.orellapendella.org/este_queixo_queixolan
Este queixo, queixolán,
esta boca pide pan,
este narís, pis, pis,
estes ollos, revirollos,
esta testa, testaruda...,
¡e este peliño de burra!

Podemos ver un video da banda dos Cueiros no que interpretan o tema «Queixo queixolán» nunha das sesións de Contos en Cueiros (fomento da lectura para bebés de 0 a 3 anos) de Espazo Lectura levados a cabo na Casa da Lectura de Donas, Gondomar.



Tamén se pode consultar no libro "Este QueixoQueixolan", dos autores Antón Cortizas Juan Ramón Alonso, publicado pola editorial Tambre-Edelvives. O volume está composto por 8 libriños-xoguete. Cada un deles contén unha canción ou unha rima popular en galego que forma parte do noso folclore infantil. Entre as ilustracións hai uns pequenos buratos para que o neno explore coas súas mans e sexa o protagonista das historias: "son libros con furadiños para enredar cos dediños". A colección "Dediños" está formada polos seguintes títulos:

              1. Este é o maimiño
              2. A pega rebuldá
              3. Dedín, dedín
              4. Imos de paseo
              5. Reirrei
              6. Pedro Chosco
              7. Este queixo queixolán
              8. Esta era unha vella

Agardamos que vos gustase o recitado "Este queixo, queixolán" e que llo fagades aos máis pequenos, veredes que gracia lles fai!!!