venres, 13 de decembro de 2013

"Tronco de Nadal": orixe celta e receita



O 21 de decembro é o solsticio do inverno, data na que se celebraba unha antiga festa celta. O cristianismo marcou o día 25 de decembro de Nadal para lembra-lo nacemento de Cristo, coincidindo coas celebracións paganas.

Na cultura celta, a festividade do solsticio de inverno recibía o nome de Yule. O Yule designa o momento en que a roda do ano está no seu momento máis baixo, preparada para subir de novo.

"Alban Arthuan" 

O "Alban Arthuan" era un dos antigos festivais celtas do lume. Tiña lugar durante a noite que ía do 21 ó 22 de decembro (segundo o método que usaban os druídas para medi-lo tempo), e coincidía co solsticio de inverno. "Alban Arthuan" - en galego "A Lumeira de Artur" - facía referencia ás lendas artúricas que afirmaban que o mítico rei naceu no solsticio de inverno. O Alban Arthuan marcaba a celebración tanto do día máis curto do ano coma do renacemento do sol.


Árbore de Nadal 

Os antigos celtas crían que a árbore representaba un poder, e que ese poder protexía e axudaba á árbore. Os bosques sagrados servían como templo aos xermanos. Para os galos, a aciñeira era unha árbore sagrada sobre a que os druídas, sacerdotes celtas gardiáns das tradicións, recollían o visgo seguindo un rito sagrado.

Adoitaban poñer decoracións con moitas cores colgando da árbore, na zona de Galicia normalmente un piñeiro, para simboliza-los diferentes obxectos estelares que tiñan relevancia entre os celtas: o sol, a lúa e as estrelas, e tamén para representa-las almas dos que morreran durante o ano anterior.

"Cepo do Nadal" 

Durante a festividade de Yule era tradicional queimar o madeiro de Yule, un longo madeiro de árbore que ía ardendo lentamente durante toda a tempada de celebracións, en honor do nacemento do novo sol.

Na nosa tradición, o "cepo de Nadal" era unha cepa grande de madeira boa, de carballo xeralmente, que se botaba no lume da lareira para que ardese durante toda a noite. Nalgunhas comarcas tamén se usaba o chamado "Lume novo" (as brasas deste lume, facíanse nas lareiras das casas queimando toxo ou leña miúda, logo eran benditas o Sábado Santo no adro da igrexa. Gardábanse porque daba boa sorte á familia e acendíanse na noite de Nadal).

Á calor e á luz deste lume xuntábase a xente e cantaban panxoliñas, contaban historias da Santa Compaña, da Estadea, de mouros, serpes, encantos, contos de rir, etc mentres os nenos xogaban. Pensábase que ás animas da familia estaban presentes esa noite arredor do lume.

Este cepo do Nadal era moito máis que o alimento do lume dunha noite do ano. Os carbóns que facía non se guindaban, gardábanse nun curruncho da casa por teren propiedades máxicas. Cando tronaba, tanto nas treboadas de verán como no anaco de inverno que aínda quedaba por vir, collíase borralla do cepo de Nadal e botábase de novo á lareira, para que se fixesen ascuas novas e espantasen os tronos.

Receita do "Tronco de Nadal"

Destas tradicións proceden os pasteis en forma de madeiro (madeiros de chocolate) que hoxe en día se fan polo Nadal.

O "Tronco de Nadal" consiste nun brazo de xitano recheo e cuberto de chocolate. O que vos presenta a web de PequeRecetas está recheo dunha sinxela crema de turrón, pero se non vos gusta podedes poñerlle diferentes recheos, por exemplo de mouse de turrón, de trufa, crema de cacao ou simplemente de nata montada (receita en castelán).

É unha sobremesa moi vistosa, e ós nenos seguro que lles encanta axudar a facela, máis aínda comela!


xoves, 5 de decembro de 2013

6 decembro: Día da Constitución


Agardamos que tiredes partido deste festivo e adiquedes un pouco tempo á Constitución, para aprender máis da mesma ou para comentar os seus puntos máis polémicos, pero atendendo sempre ós intereses dos nenos e a súa curiosidade natural.

A Constitución Española de 1978 é a norma suprema ou máxima do ordenamento xurídico español, consecuencia dun proceso histórico denominado Transición Española que converteu o réxime franquista de 1975 nunha Monarquía Parlamentaria.

Que é a Constitución?

A Constitución é a Norma Fundamental do Estado, á que están suxeitos os poderes públicos e os cidadáns. Toda disposición ou acto contrario á Constitución carece de validez e será convenientemente expulsado do ordenamento xurídico ou sancionado con arranxo ás normas sobre xustiza constitucional e outras disposicións constitucionais e legais. Seguindo a liña das constitucións modernas, a Constitución Española de 1978 se estrutura en dous partes claramente diferenciadas en canto ao seu contido: a parte dogmática e a parte orgánica.

  • Parte dogmática: nesta parte da norma xurídica faise unha declaración de principios que indican e recollen os valores imperantes na sociedade que a promulga, aparecen os principais dereitos constitucionais dos cidadáns españois. Á súa vez, o Título preliminar contén os Principios constitucionais que determinan a configuración do Estado e os seus acenos de identidade. A soberanía nacional faise residir no pobo español, pero a polémica redacción do artigo 2, que inclúe o dereito á autonomía das nacionalidades e rexións que integran a nación española sempre foi destacado pola ambigüidade da súa redacción, que aínda que permitiu o consenso para a súa aprobación, tamén deu lugar a múltiples interpretacións.
  • Parte orgánica: deséñase a estrutura do Estado regulando os órganos básicos que exercen os poderes estatais. O sistema español conserva o deseño tripartito de división de poderes de Montesquieu, entre Poder executivo, Poder lexislativo e Poder xudicial.

A Constitución finaliza coas Disposicións Adicionais, Transitoria, derrogatoria e final.


(Constitución española de 1978. Galipedia, a Wikipedia en galego
http://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Constituci%C3%B3n_espa%C3%B1ola_de_1978&oldid=308845)

Quen a fixo?

Unha das tarefas prioritarias das Cortes foi a redacción dunha Constitución. A Lei de Reforma Política ofrecía a posibilidade de que a iniciativa da reforma constitucional correspondese ao Goberno ou ao Congreso dos Deputados, elixíndose esta última opción. A Comisión de Asuntos Constitucionais e Liberdades Públicas do Congreso dos Deputados designou un Relatorio de sete deputados, que elaborou un anteproxecto de Constitución. Estas sete persoas, coñecidas como os Pais da Constitución foron:

  • Gabriel Cisneros (UCD)
  • José Pardo Pérez Llorca (UCD)
  • Miguel Herrero e Rodríguez de Miñón (UCD)
  • Miguel Roca Junyent (CDC)
  • Manuel Fraga Iribarne (AP)
  • Gregorio Peces-Barba (PSOE)
  • Jordi Solé Tura (PCE)

O anteproxecto discutiuse na Comisión e, posteriormente foi discutido e aprobado polo Congreso dos Deputados. A continuación, procedeuse ao exame do texto do Congreso pola Comisión Constitucional do Senado, e o Pleno do mesmo órgano.
A discrepancia entre o texto aprobado polo Congreso e o aprobado polo Senado fixeron necesaria a intervención dunha Comisión Mixta Congreso-Senado, que elaborou un texto definitivo. Este foi votado e aprobado polas dúas Cámaras. Sometido a referendo, foi ratificado o día 6 de decembro de 1978 co 87% dos votos ao seu favor, sancionado o día 27 do mesmo mes polo Rei, e publicado no BOE o 29 de decembro (evitouse o día 28 por coincidir co día dos Santos Inocentes, tradicionalmente dedicado ás bromas). Desde entón, cada 6 de decembro é festa nacional en España, celebrándose o Día da Constitución.


(Constitución española de 1978. Galipedia, a Wikipedia en galego
http://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Constituci%C3%B3n_espa%C3%B1ola_de_1978&oldid=308845)

O texto da Constitución en galego

Teño que dicir que non hai moitos contidos na rede tratando o tema da Constitución en galego, e para nenos non hai case nada. Así que tratei de atopar o texto completo, para quen queira traballalo ó seu modo. Buscando, buscando, non só topei co texto da Constitución do 1978 (actual), senón que tiven a grata sorpresa de ver que hai unha traducción recente da anterior, da de 1812edición feita polo Consello da Cultura Galega coa colaboración da Secretaría xeral de Política Lingüística e a Escola Galega de Administración Pública, que traduciu o texto lexislativo ao galego.

Poño os enlaces ás páxinas onde se poden consultar e descargar en formato pdf:

Para que a coñezan os nenos

A Constitución non é un tema doado de tratar, aborda temas complexos que nin os adultos coñecemos en detalle: dificilmente poderemos explicar a un neno algo que non sabemos, sempre formulan as preguntas que nos fan quedar en evidencia! Polo tanto, recomendo non ser confiado e mirar moi ben este tema antes de comezar a explicalo. 
Non topando recursos apropiados para nenos en galego, propoño a seguinte presentación online (en castelán) da web do Parlamento de Canarias: se alguén se anima a facer unha en galego, ou coñece unha existente, por favor que nolo faga saber.

Podemos tamén xogar a ver se coñecemos as Comunidades Autónomas e Provincias que compoñen España, cun xogo online tipo puzzle, en galego, da web Mapas Interactivos:
E se ides de ponte co gallo dos festivos, pasádeo ben!!!!

xoves, 28 de novembro de 2013

Xeración Xabarín


O Xabarín Club é un programa infantil e xuvenil emitido pola TVG que comezou a súa andaina o 18 de abril de 1994. O programa inclúe series de debuxos animados, videoclips de grupos musicais e espazos de produción propia.
Na segunda metade dos 1990s converteuse nun fenómeno social con máis de 100.000 rapaces afiliados (83.065 afiliados activos en 2004) e as Xabaxiras (1998), concertos da música do programa, que viron milleiros de nenos e nenas galegos.

O Xabarín estreou nova imaxe en 2007 para celebrar en abril o seu 13º aniversario. Nesta nova etapa o Xabarín convida aos seus socios a iniciar novas aventuras co seu novo X. Asemade conta con novas seccións: como "Xabarín informa"; que é un pequeno espazo no que se dá a información e as noticias diarias que interesan aos seus socios. 

O Xabarín tamén trae moitas outras novidades de cine, vídeo e dvd; música e bandas sonoras de novos grupos galegos, (que farán novas cancións para o programa) concertos, discos, series de debuxos animados, cómics, mangas, eventos, mostras, certames, videoxogos, revistas e fanzines, literatura infantil e xuvenil e unha axenda de recomendacións para o lecer na fin de semana.

Unha chea de contidos podemos disfrutalos na web da CRTVG Infantil. Podemos facer novos socios do Xabarín Club, ver debuxos, xogar, consultar a programación, escoitar as cancións,... Toda unha web por explorar!

martes, 19 de novembro de 2013

Outono


O outono invita a quedar na casa, e cos máis pequenos ás veces non sabemos xa con que pasar o tempo. Podemos falar das cousas propias do outono en Galicia, e usar estas fichas como base para pintar, pegar sementes ou papeliños de cores. Co que gustamos de estar na casa mentres fóra chove...




Por se non o podedes ver directamente, o enlace directo é : https://app.box.com/shared/c09547iwbaftc5sspzis

Ou tamén na propia web de AulaTic de Terra de Ferrol, nos recursos do Magosto: http://aulatic-terradeferrol.blogspot.com.es/p/recursos-magosto.html


martes, 12 de novembro de 2013

20 novembro: Día Universal do Neno




O Día do Neno ou Día Universal do Neno e Nena é un día consagrado á fraternidade e comprensión entre os nenos do mundo, e destinado a actividades para a promoción do benestar e dos dereitos dos nenos do mundo. 

En 1954, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas recomendou que se instituíse en todos os países un Día Universal do Neno e suxeriu aos gobernos estatais que celebraran o devandito Día, na data que cada un deles estimara conveniente. A ONU celebra o devandito día o 20 de novembro, en conmemoración da aprobación da Declaración dos Dereitos do Neno en 1959 e da Convención sobre os Dereitos do Neno en 1989.

O Valedor do Pobo e UNICEF editaron unha guía para felicitar ás familias polo nacemento dun novo membro, e aproveitan este momento tan especial para falar da Convención de Dereitos do Neno e a Nena. Como se di nesta guía, é o tratado internacional máis ratificado do mundo, pero sen embargo un dos que máis se vulnera. Coñecelo é importante, así que adícalle uns minutos e reflexiona sobre o que nela se di. Os nenos son os adultos do futuro, nas nosas mans está a súa educación e coidado, e temos que ensinarlles os seus dereitos e responsabilidades.

Nesta versión de video pódese ver un resumo dos Dereitos do Neno:

Na web do C.E.I.P. Víctor Sáenz, neste link,  teñen unha recompilación de materiais para traballar contidos relacionados con esta data: https://sites.google.com/site/recursosdereitosdoneno/

A todos nos gustaría vivir nun mundo mellor, aos nenos tamén. Respetemos os seus dereitos! Ensinémoslles cómo facerse respetar! 

xoves, 7 de novembro de 2013

Sudokus de Cores



Con estes sudokus para colorear, traballaremos a atención, coordinación visomotrizgrafomotricidad, razoamento lóxico, etc. 

Están feitos por Maribel Martínez Camacho e Ginés Ciudad-Real, e os podemos topar na web de recursos educativos accesibles e gratuitos Orientación Andújar, no link
http://orientacionandujar.files.wordpress.com/2009/10/fichas-sudokus-de-colores-en-gallego-1-60.pdf


xoves, 31 de outubro de 2013

Samaín


Os antigos pobos celtas, chegado o final de Outubro, adoitaban celebrar unha gran festa para conmemorar "o final da colleita", bautizada coa palabra gaélica de Samhain. Significa, etimolóxicamente, 'o final do verán'. Rematábase o tempo das colleitas, e a partir de entón, os días ían ser máis curtos e as noites máis longas. Os celtas crían que nesta noite e Samaín ou Samhain (máis coñecida como Halloween), os espíritos dos mortos volvían visitar o mundo dos mortais. Acendían grandes cacharelas para escorrentar aos malos espíritos. Era a festa nocturna de benvida ao Ano Novo.

Para saber máis, podedes seguir lendo o seguinte artigo de Arquehistoria: "Origen de Halloween- Samhain y los celtas"

CELEBRACIÓN

Para celebrar o Samaín podemos:
  • Disfrazarnos: de fantasma, morto vivente, bruxo ou bruxa, personaxes de películas de terror, cabaza, gato negro, momia, vampiro,... ou calquera outra cousa que axude a confundir aos malos espíritos nesta noite.
  • Ir polas casas ofrecendo "truco ou galano": os nenos van de casa na casa pedindo caramelos. Orixinalmente tratábase da recollida de alimentos para ofrecérllelos aos deuses, fadas, trasnos... para que nos fosen benignos. En caso de alguén non ofrecer nada aos nenos (galano), pode ser obxectos dalgunha broma (truco).
  • Facer un calacú tallado: baléirase e tállaselle con orificios imitando a cara dunha caveira, cunha vela acendida dentro. Simboliza ás almas en pena.
  • Os doces: en moitos países do mundo o día 1 de novembro está marcado no calendario. Celébrase o Día de Tódolos Santos, no que as familias honran e recordan os seus seres queridos xa falecidos. En torno a este día existen múltiples tradicións, unha delas é culinaria, polo que hai doces típicos deste día: chulas de vento, ósos de santo, panellets ou pan de morto. Podedes ver como facer estes doces na web guiainfantil.com.


RECURSOS

Poderíamos poñer aquí unha lista propia, pero na rede atopamos unha web na que teñen tantas cousas de todo tipo que vos poñemos o enlace directamente: "Recursos para o Samaín", do C.E.I.P. Víctor Sáenz

Poñeremos un vídeo feito polo I.E.S. Melide, con música de Mamá Cabra, e no que explican a festa do Samaín.

Benvida

Benvidos e benvidas a "Galego para nenos"!



Este blog nace coa intención de mellorar a divulgación do galego entre os nenos e nenas, dándolles aos adultos que os educan recursos variados en Galego.

Gustaríanos moito formar unha gran comunidade onde compartir todos os materiais, cancións, poemas, debuxos, historias, vídeos, xogos, tradicións, novas... e así poder transmitirllos aos nosos fillos, sobriños, netos, alumnos ou pequenos amigos interesados en aprender máis de Galicia e da súa lingua. E non só para os que viven en Galicia, que teñen a oportunidade de vivir o día a día en galego, senón tamén para todos aqueles emigrados que teñen nenos pequenos fóra de Galicia e non queren perder a oportunidade de ensinarlles as súas raíces.

Seguide no Facebook a nosa actividade, facede comentarios e aportade as vosas ideas. Estamos encantados de contar con vós, a vosa colaboración é imprescindible.

Moitas gracias por participar deste proxecto.
Votamos a andar!