O Xabarín Club é un programa infantil e xuvenil emitido pola TVG que comezou a súa andaina o 18 de abril de 1994. O programa inclúe series de debuxos animados, videoclips de grupos musicais e espazos de produción propia.
Na segunda metade dos 1990s converteuse nun fenómeno social con máis de 100.000 rapaces afiliados (83.065 afiliados activos en 2004) e as Xabaxiras (1998), concertos da música do programa, que viron milleiros de nenos e nenas galegos.
O Xabarín estreou nova imaxe en 2007 para celebrar en abril o seu 13º aniversario. Nesta nova etapa o Xabarín convida aos seus socios a iniciar novas aventuras co seu novo X. Asemade conta con novas seccións: como "Xabarín informa"; que é un pequeno espazo no que se dá a información e as noticias diarias que interesan aos seus socios.
O Xabarín tamén trae moitas outras novidades de cine, vídeo e dvd; música e bandas sonoras de novos grupos galegos, (que farán novas cancións para o programa) concertos, discos, series de debuxos animados, cómics, mangas, eventos, mostras, certames, videoxogos, revistas e fanzines, literatura infantil e xuvenil e unha axenda de recomendacións para o lecer na fin de semana.
Unha chea de contidos podemos disfrutalos na web da CRTVG Infantil. Podemos facer novos socios do Xabarín Club, ver debuxos, xogar, consultar a programación, escoitar as cancións,... Toda unha web por explorar!